viernes, 27 de enero de 2012

Historia das telecomunicacións

A base matemática sobre a que desenvolven as telecomunicacións foi desenvolvida polo físico inglés James Clerk Maxwell. Maxwell no prefacio da súa obra Treatise on Electricity and Magnetism (1873) declarou que a súa principal tarefa consistía en xustificar matematicamente conceptos físicos descritos ata ese momento de xeito unicamente cualitativa, como as leis da indución electromagnética e dos campos de forza, enunciadas por Michael Faraday. Con este obxecto, Maxwell introduciu o concepto de onda electromagnética, que permite unha descrición matemática axeitada da interacción entre electricidade e magnetismo mediante as súas célebres ecuacións que describen e cuantifican os campos de forzas. Maxwell predixo que era posíbel propagar ondas polo espazo libre utilizando descargas eléctricas, feito que corroborou Heinrich R. Hertz en 1887, oito anos despois da morte de Maxwell, e que posteriormente supuxo o comezo da era da comunicación rápida a distancia. Hertz desenvolveu o primeiro transmisor de radio xerando radiofrecuencias entre 31 MHz e 1.25 GHZ. As telecomunicacións comezan na primeira metade do século XIX co telégrafo eléctrico, que permitiu enviar mensaxes que contiñan letras e números. A esta invención fixéronselle dous notábeis mellorías: a adición, por parte de Charlles Wheatstone, dunha cinta perforada para poder recibir mensaxes sen que un operador estivera presente e a capacidade de enviar varios mensaxes pola mesma liña, que se chamou despois telégrafo múltiple, engadida por Emile Baudot.
Máis tarde veu o teléfono, co que foi posíbel comunicarse utilizando a voz, e a revolución da comunicación sen fíos: as ondas de radio.
A principios do século XX aparece o teletipo que, utilizando o código Baudot, permitía enviar texto en algo parecido a unha máquina de escribir e recibir texto que era impreso por tipos movidos por relés.
O termo telecomunicación foi definido por primeira vez na reunión conxunta da XIII Conferencia da UTI (Unión Telegráfica Internacional) e a III da URI (Unión Radiotelegráfica Internacional) que comezou en Madrid o día 3 de setembro de 1932.
A definición entón aprobada do termo foi:
Telecomunicación é toda transmisión, emisión ou recepción, de signos, sinais, escritos, imaxes, sons ou informacións de calquera natureza por fío, radioelectricidade, medios ópticos ou outros sistemas electromagnéticos.
O día 9 de decembro de 1932, en virtude dos acordos atinxidos na reunión antes citada, firmouse en Madrid o Convenio polo que se criaba a Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) que no futuro substituiría aos dous organismos anteriores (UTI e URI).
O seguinte aparello revolucionario nas telecomunicacións (por aló da metade do século) foi o módem que fixo posíbel a transmisión de datos entre computadoras e outros dispositivos.
Na década dos sesenta comeza a unión entre a telecomunicación e mais a informática co uso de satélites de comunicación e as redes de conmutación de paquetes.
A década seguinte caracterizouse pola aparición das redes de computadoras e os protocolos e arquitecturas que servirían de base para as telecomunicacións modernas (nestes anos aparece a ARPANET, que deu orixe á internet). Tamén cabe salientar que nestes anos comeza o auxe da normalización das telecomunicacións: o CCITT traballa na normalización das redes de conmutación de circuítos e de conmutación de paquetes e a Organización Internacional para a Estandarización crea o modelo OSI. A finais dos anos setenta aparecen as redes de área local,
Nos anos oitenta as computadoras persoais volvéronse populares, aparecen as redes dixitais e as redes de telecomunicacións comezan a facerse omnipresentes.
Na última década do século XX aparece a internet, que se expandiu enormemente e a principios do século XXI estamos vivindo os comezos da interconexión total, a través de todo tipo de dispositivos que son cada vez máis rápidos, máis compactos e máis poderosos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario